Terras de Louredo - Canal de Difusión Cultural
Terras de Louredo - Canal de Difusión Cultural
February 2, 2025 at 10:51 AM
A VACA VELLA Un dos topónimos máis curiosos do noso municipio é o de Vaca Vella, situado no monte da parroquia de Santa María de Toén. Topónimos que aludan a animais temos varios no municipio: Outeiro do Oso (Moreiras), Pena das Cabras (Xestosa) ou Val da Múa (Trelle-Trellerma). Pero que significa Vaca Vella? O mais seguro é que non fale de gando vacuno e máis ben sexa un hidronímico moi coñecido. Hai ducias de ríos coa raíz “Vaca” que ten a súa orixe na raíz indoeuropea wak-, que ven significando “algo que se retorce”, polo que Vaca significa básicamente río con meandros. A ponte de Vaca Vella cruza o río de Puga, o máis importante deste municipio. O de vella pode ter múltiples significados, unha “vella” na zona de Viana ainda se lle chama a unha área acuífera que aparece e desaparece, e incluso o seu cauce tende a moverse. Polo que xuntando ambos podería ser que Vaca Vella é “Río con moitos meandros que ten parte do seu cauce seco ao longo do ano”. Por outra banda que o topónimo conteña a verba Vella marcaría un lugar ancestral, e potencial xacemento arqueolóxico. Outros exemplos vémonos en Portela Vella (Moreiras), Costa Vella (Trelle) ou Fonte Vella (Toén), todos estes lugares albergan patrimonio arqueolóxico. A paraxe do río de Puga (onde se atopa a Vaca Vella) ao seu paso por Toén ten un rico patrimonio arqueolóxico, etnográfico e natural. O lugar, como moitos outros do noso concello, atópase dentro dunha potencial área de explotación mineira. Ante as novas dos últimos meses dos intereses que hai en explotar unha canteira nesta zona, dende Amigos do Patrimonio comezaremos unha serie de publicacións semanais de divulgación do patrimonio e historia que alberga, para que dende a veciñanza valoremos o que temos, e non pase outro caso coma o do monte da Medoña en Moreiras (do que falamos a semana pasada) e tamén axude a unha reflexión máis fonda sobre as consecuencias socioeconómicas que pode ter na contorna. Coñecer, valorar e respectar os símbolos do noso pasado é fundamental para unha comunidade que queira ter futuro. #patrimoniosencanteiras
❤️ 👍 9

Comments