
Terras de Louredo - Canal de Difusión Cultural
May 19, 2025 at 03:10 PM
O CAMIÑO DOS MORTOS DE COUXIL A TOEN
Onte co gallo da festividade do Día das Letras Galegas organizamos unha andaina cultural por terras dos concellos de Cartelle e Toén, seguindo o chamado Camiño dos Mortos.
Segundo consta na documentación da Diocese de Ourense, eclesiasticamente a freguesía de Santa María de Couxil pertencerá no Antigo Réxime á igrexa matriz de Santa María de Toén. Deste xeito, os habitantes do Couto, pese atoparse a máis de 11 km de distancia, dependerán do párroco de Toén e deberán soterrarse nesta parroquia. O caso de Toén é singular, pero non único. Outras localidades da denominada Terra de Montes, como Parderrubias ou Pereira pertencerán á freguesía de Sobrado do Bispo ata finais do século XIX, pese a non estar no mesmo Concello.
Na actualidade aínda queda lembranza na memoria oral dos veciños e veciñas de Couxil e Toén, que antigamente os habitantes da localidade de Cartelle tiñan que desprazarse atravesando o monte dos Castros para poder soterrar aos seus familiares no cemiterio de Toén. Este camiño tiña 11,8 km, e atravesaría os lugares de Sabucedo de Montes, o Monte dos Castros (-a través da senda do val do Seixoso-), Trelle, Trellerma, A Verea (-Camiño Vello-), O Vilar e finalmente o cemiterio da localidade de Toén.
Sen dúbida ambos espazos, e as localidades por onde transcorre o camiño que as conecta,
pertencen a unha realidade histórica singular compartida que merece ser estudada e analizada con maior profundidade. Tanto nas tradicións populares e relixiosas (-Romaría do San Xoán-), como a nivel artístico (-Igrexas e capelas semellantes-) e histórico (-Tenencia de Búbal, Terra de Louredo, Foros na Idade Moderna-), as localidades de Couxil e Santa María de Toén están aínda na actualidade conectadas na lembranza e memoria oral a ambos lados do Castro de Trelle.
❤️
❤
5